Novas

aRi[t]mar premia a música de António Zambujo e Sabela e a poesía de Raquel Lima e Carlos Da Aira

By 23/09/2020No Comments
  • A ex directora xeral da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) e antiga ministra de Comercio e Turismo de Cabo Verde, Georgina Benrós de Mello, tamén recibirá o sábado o premio do xurado á Embaixada da amizade galego-lusófona
  • Nesta quinta edición, a Gala de entrega dos Premios aRi[t]mar da música e a poesía galego-portuguesas enmárcanse na “iniciativa irmá” do festival de músicas e artes atlánticas “maré”, que arriba a Santiago tras 15 anos en Pontevedra
  • O cartel artístico de maré conta coas actuacións de António Zambujo, Miguel Araújo, Toty Sa´Med, Ugia Pedreira, Bifannah, LaBaq, Sabela, Nacho-Faia-LAR e Uxía

Porto, 23 de setembro de 2020. A Gala dos Premios aRi[t]mar da música e a poesía galego-portuguesas, que se celebrará o vindeiro sábado 26 de setembro, a partir das 12.30 horas, no Hotel NH Collection de Santiago de Compostela, distinguirá aos músicos António Zambujo e Sabela, aos poetas Carlos da Aira e Raquel Lima e á ex directora xeral da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) e antiga ministra de Comercio e Turismo de Cabo Verde, Georgina Benrós de Mello.

Nesta quinta edición, o certame aRi[t]mar enmárcase na “iniciativa irmá” do festival de músicas e artes atlánticas “maré”, que arriba a Santiago de Compostela tras 15 anos en Pontevedra como Cantos na Maré. Ambos eventos foron presentados hoxe no Espazo de Intervención Cultural Maus Hábitos de Porto, coa participación do director da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, Gonzalo Constenla; a cantora Uxía, directora artística da Gala cantosnamaré; os cantautores Miguel Araújo (Portugal) e Toty Sa´Med (Angola); a secretaria do Agrupamento Europeo de Cooperação Transfronteiriza Galiza Norte de Portugal, Graça Fonseca; e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García.

“Celebrar a irmandade lingüística luso-galaica”

Na súa intervención, Gonzalo Constenla explicou que “o proxecto aRi[t]mar Galiza e Portugal pretende celebrar a irmandade linguística luso-galaica a través da popularización da música e da poesía portuguesas en Galiza, así como destas artes galegas en Portugal, especialmente no norte do país, e en todos os países de lingua portuguesa”. “E facémolo a través deste festival, aberto ao público, pero tamén coa utilización didáctico-pedagóxica da música e da poesía nas nosas aulas, cunha abordaxe innovadora e motivadora no ensino e na aprendizaxe de linguas”, explicou Constenla.

“Maré chega a Compostela para ser un acontecemento global”

Pola súa parte, a directora artística da Gala cantosnamaré, Uxía, explicou que “o festival maré chega este ano a Compostela coa ambición de ser un acontecemento global, transversal, profesional, un punto de encontro para que os músicos, os poetas, os letristas… todos os creadores implicados na fala galego-portuguesa intercambien experiencias e coñecementos, se enriquezan mutuamente e poidan trasladarlles ás nosas sociedades o perto que estamos os uns dos outros”.

Uxía destacou que un dos principais atractivos de maré será o cartel de actuacións, con nomes como os portugueses António Zambujo e Miguel Araújo, os galegos Bifannah, Ugia Pedreira, Sabela e Faia, o angolano Toty Sa´Med ou a brasileira LaBaq.

“Reforzar a relación de Galicia coas comunidades irmás”

Finalmente, o secretario xeral de Política Lingüístca da Xunta de Galicia, Valentín García, recordou que “o proxecto didáctico-cultural aRi[t]mar enmárcase nas accións de apoio e desenvolvemento da Lei Paz-Andrade impulsadas dende a Xunta de Galicia” e incidiu “na importancia de promover a lingua galega na lusofonía e tamén de reforzar a relación dos galegos con comunidades irmás que comparten estreitos vencellos lingüísticos e culturais”.