António Zambujo

António Zambujo é o gran renovador da música portuguesa e a voz masculina de maior repercusión internacional. Foi o mesmísimo Caetano Veloso quen dixo aquilo de que a música de António Zambujo “era tan profunda que producía calafríos e facía chorar”. Influído polo propio Veloso, ou por músicos como Tom Waits, Chet Baker ou João Gilberto, o novo disco Do avesso é un traballo moi esperado.

Segue tendo os ecos do son nostálxico do fado, pero diluíndo de maneira elegante as fronteiras musicais, achegándose a estilos que poden ir do jazz ao indie-folk.

Co formato de guitarra e voz, o máis sinxelo e persoal, chega moi fondo aos corazóns, como se nos cantase ao oído. Así percibimos dun xeito máis directo a súa capacidade para facernos sentir a emoción e a fondura da súa voz.

Quizais por ter nacido no Alentejo teña ese pouso do viño da súa terra, doce e maduro, cun sabor antigo que expresa a dor e a saudade dunha vella alma romántica e soñadora.

O seu paso pola gala cantosnamaré 2011 abriulle as portas desta terra, que o consagrou definitivamente despois de conquistar o público galego presentando cada disco ou acudindo fielmente á súa cita anual na Casa das Crechas en Compostela.