LaBaq

Larissa Baq, LaBaq, representa a cara máis nova da música independente brasileira. Empezou a estudar música aos 12 anos: guitarra acústica e eléctrica, trompeta e percusión, e formou parte de varias formacións no Brasil antes de decidirse a empezar unha carreira en solitario.

Co seu último álbum, Lux (Raso, 2019), LaBaq adéntrase no universo experimental e electrónico para darlles forma ás súas reflexións sobre a situación política, o uso das redes sociais ou o medo. Actualmente, Labaq ten unha posta en escena dividida entre a luminosidade da facción máis orgánica da canción de vangarda e a música folk que nace de cables e pedais.