Sabela

Sabela Ramil (Ourol, 1993) faise co seu primeiro traballo, Despedida, co premio aRi[t]mar 2020 ao mellor tema musical publicado en Galicia en 2019. Unha composición que a autora define como “o resultado dunha busca”.

Sabela é unha novísima cantante e compositora galega que se fixo moi popular pola súa participación no concurso musical de televisión Operación Triunfo, no ano 2018, e por escoller alí repertorio en galego como Benditas Feridas de Rosa Cedrón e Tris Tras de Marful de Ugia Pedreira, coa que colaborou na despedida de Marful.

O 15 de novembro de 2019 lanzou o seu primeiro sinxelo, Despedida, unha canción composta por ela e producida polo portugués Diogo Piçarra. Nesta canción despídese das letras e dos sons que ata agora foron seus e que comezan a voar cara a todas as persoas que queren acollelos.

O 29 de novembro dese mesmo ano viu a luz o seu primeiro disco, nacido entre Lisboa e Galicia. Contou coa colaboración de Luisa Sobral, que compuxo un tema especificamente para ela, Dame una señal. Tamén Xoel López colaborou na composición do sinxelo El Paso.

O lanzamento foi seguido de firmas de discos en varias cidades españolas e estaba prevista unha xira de concertos que se viu afectada pola situación provocada pola COVID-19.