Carlos da Aira

Carlos da Aira (Elgoibar, Euscadi, 1972), fillo de emigrantes, vive actualmente na aldea de Nanín do concello de Allariz. Escritor e músico [combinación electrónica e música tradicional: pandeireteiro, cantareiro, gaiteiro, tamborileiro, bailador].

Participante en numerosos festivais e encontros de poesía (en Portugal, Euscadi, Asturias, Cabo Verde e no Xapón, entre outros). Foi o gañador do Concurso de Microrrelato Aira das Letras (2012), do Poetry Slam de Vigo (Edición especial Día das letras 2015) e dos XXVII Xogos Florais María Pita (2018).

Desde o 2011 formou parte do Comando Esbardalle, un colectivo poético cuxo único obxectivo é “dominar o mundo e impoñer a ditadura da poesía”. Como apaixonado da poesía e do relato curto, participa en espectáculos de carácter multidisciplinar en que se intenta recuperar e potenciar a dimensión oral e pública da arte.

Desde o ano 2014 organiza e dirixe o Poemagosto, Festival Internacional de Poesía en Allariz; e, desde o 2015, o Ponme un Poema!, unha ruta poético- gastronómica polas tabernas e as rúas de Allariz.

Prender os fachos, compoñer os ósos obtivo o XXXIV Premio de Poesía Cidade de Ourense no ano 2018. Nese mesmo ano, a Editorial La Vorágine publica, en edición bilingüe, o seu primeiro poemario individual Pólvora, poesía explosiva para axitar conciencias.

En 2019, co poemario A guerra era contra nós, tamén foi o gañador da VIII edición do Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey.

De cando en vez publica poemas no seu blog blogheada.daaira.eu.