Compostela é unha cidade acolledora, integradora, plural, tolerante. Internacional. Cultural. Solidaria. Espiritual. Auténtica. Eses son os valores de maré, un evento global para satisfacer as necesidades, mesmo as inconscientes, de todo tipo de público.
Un acontecemento transversal, inclusivo, con especial interese na integración social, na educación, con atención aos máis mozos, á igualdade e ao respecto a todas as identidades e diversidades sexuais.
Os estilos musicais, as actividades propostas e a integración de aRi[t]mar fan que se superen vellas barreiras e caixóns estancos. A forza da música e da poesía, do ritmo e da rima como emoción universal, ligada pola proximidade da lingua común, achega atractivos para todas as idades e intereses. Do fado portugués ao tribalismo afro-carioca, da electro cumbia ao post punk celtic, do trad á electrónica, das voces poéticas consolidadas ás novísimas. Correntes diversas coma a propia humanidade, que converxen e se enlean neste grande océano que é maré.