maré arriba a Compostela

2020 revélase como un ano de inflexión. Un ano marcado por unha pandemia. O ano de véspera do vindeiro Xacobeo 2021, cando Compostela será (aínda máis) lugar de encontro, destino e chegada de milleiros de visitantes.

2020 é o ano en que (re)nace maré, xustamente nunha das capitais culturais mundiais que forma parte da rede de cidades lusófonas.

maré atraca en Compostela, a cidade do inesquecible NARF, para converter Santiago, seguindo a estela deste artista universal, en nodo principal de conexións entre Galicia, as culturas atlánticas e as ligadas aos itinerarios culturais europeos dos que Galicia forma parte: o Camiño de Santiago, a Ruta dos Viquingos ou a Ruta europea da cultura megalítica.

maré reforza en Santiago a súa dimensión estratéxica, amplía e renova os seus obxectivos, e subliña a importancia da lingua compartida cos países da Comunidade Lusófona, nomeadamente na vertente económica

Mantendo esa matriz lusófona, promovendo e reivindicando o galego-portugués como oportunidade, o océano trae pouco a pouco ondas e escumas cheas de sons familiares e consanguíneos dende Irlanda, Escocia, México, Cuba ou a Arxentina.

 

Percorrido in-VERSO

A incorporación de aRi[t]mar-é a este océano de creación e ilusofonía coloca Compostela no lado oposto do Camiño, e convida a facer un Percorrido in-Verso: Santiago como punto de partida, como inicio dunha ruta con sendas e vieiros que se espallan pola maré dende Compostela.

 

Santiago de Compostela é sen dúbida ningunha un dos máis indiscutibles bens patrimoniais da Humanidade. Esta cidade reúne valores específicos e universais (…) unha cidade ideal que desborda á vez Historia e intemporalidade

UNESCO

maré entende que unha cidade como Santiago de Compostela é o escenario ideal dende o que debuxar un mapa de conexións culturais, históricas, emocionais... que coloque a Galicia e o seu talento nunha maré de encontros, diálogos, intercambios, co fin de que Galicia chegue ao mundo e o mundo chegue a Galicia

Vítor BelhoDirector de Nordesía Producións e organizador de maré