Novas

Os quintos premios aRi[t]mar reivindican desde Santiago “a irmandade lingüística e cultural” entre Galicia e Portugal

By 26/09/2020Setembro 27th, 2020No Comments
  • Os poetas Carlos da Aira e Raquel Lima e os músicos António Zambujo e Sabela foron os galardoados, xunto con Georgina Benrós de Mello
  • Zambujo, que compartiu escenario con Miguel Araújo e dedicou o premio á cantora galega Uxía, declarouse “impresionado pola calidade da música que se fai en Portugal hoxe en día”
  • Sabela agradeceu que un certame como aRi[t]mar “tente crear lazos que son moi beneficiosos para todos os artistas”
  • Raquel Lima agarda que “o diálogo entre estas linguas consiga ser abranguente e transformador e inclúa outros dialectos doutros territorios que nos unen”
  • Carlos da Aira aplaudiu o traballo “de cada unha das persoas anónimas que desde o cotiá traballan para establecer unha relación necesaria entre Galicia e Portugal, as dúas culturas, os dous pobos e a lingua”

 

Santiago, 26 de setembro de 2020. A quinta edición da Gala de entrega dos premios aRi[t]mar da poesía e a música galega-portuguesas reivindicou hoxe en Santiago de Compostela “a irmandade lingüística e cultural” entre Galicia e Portugal nun evento que reuniu a máis dun cento de persoas no Hotel NH Collection e no que actuaron os músicos António Zambujo, Sabela e Miguel Araújo.

Nesta edición, os premiados foron o poeta Carlos da Aira (premio á mellor poesía galega con “Prender os fachos, componer os ósos”), a poetisa Raquel Lima (premio á mellor poesía portuguesa con “Liberdade mais cruel”), a cantante Sabela (premio á mellor música galega con “Despedida”), o cantautor António Zambujo (premio á mellor música portuguesa con “Catavento da se”) e Georgina Benrós de Mello, ex directora-xeral da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP) e antiga Ministra de Comercio e Turismo de Cabo Verde, que reicibiu o premio especial do xurado á Embaixada da amizade galego-lusófona.

Máis de 5.000 votos populares

O director da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, Gonzalo Constenla, como anfitrión e organizador do certame aRi[t]mar destacou “a popularización da música galego-portuguesa” a través destes premios, xa que rexistráronse máis de 5.000 votos on line para elixir os poemas e as cancións gañadoras.

O primeiro en recoller o seu galardón, de mans do subdirector xeral de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza, Xosé Lago García, foi o poeta Carlos da Aira, que aplaudiu “a cada unha das persoas anónimas que desde o cotiá traballan para establecer unha relación necesaria entre Galicia e Portugal, as dúas culturas, os dous pobos e a lingua”.

Pola súa parte, Raquel Lima, que recibiu o premio de mans do vicecónsul de Portugal en Galicia, Manuel Correia da Silva, manifestou o seu desexo de que “o diálogo entre estas linguas consiga ser abranguente e transformador e inclúa outros dialectos doutros territorios que nos unen”.

Para Sabela, “un privilexio”; Zambujo, “impresionado”

No apartado musical, Sabela, que recolleu o premio de mans da concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón, asegurou sentirse como “unha privilexiada” co galardón e agradeceu que premios coma estes “tenten crear lazos que son moi beneficiosos para todos os artistas”.

António Zambujo recibiu o premio de mans do deputado provincial de Cultura da Coruña, Xurxo Couto, e confesouse “impresionado pola calidade da música que se fai en Portugal hoxe en día”, tras ver a relación dos dez temas finalistas aos que se impuxo.

Finalmente, debido á imposibilidade para viaxer por mor da pandemia da Covid-19, o premio de Georgina Benrós de Mello recolleuno no seu nome o presidente da Academia da Lingua Portuguesa, Rudesindo Soutelo, e foi entregado polo secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García.