A Pedreira
Galiza
A Pedreira presenta o seu segundo disco en solitario, «Basal».
O amor pola sonoridade e o significado das palabras que caracterizan a obra de Ugia Pedreira sustentan o seu novo traballo, o segundo en solitario. Unha obra que conecta música, psicoloxía, territorio e corpo-casa.
O espectáculo en directo desta formación é unha viaxe continental entre a rave e a foliada, o clube de jazz e a discoteca dos 80, a danza tribal e os rituais espirituais. Cuba (Alejandro Vargas), Brasil (Mauricio Caruso) e Galiza (Lorena Cachito e A Pedreira) abrázanse neste concerto, onde as artistas combinan o rock, o jazz, a MPB e o clásico, levando todas as cancións da autora a novos lugares.
A súa posta en escena é de alta potencia dinámica, bailábel en varios estilos, con dosis de improvisación e interacción co público, proceso básico para Pedreira. Tornar cada concerto nunha comunicación transparente, de ti a ti, inclusiva entre artista e espectadores, inclusiva para todas as capacidades.
O concerto previo correrá a cargo da cantautora oaxaqueña Laura Itandehui.