
Abraham Cupeiro & Banda de Música Municipal de Santiago
Galiza
Construtor e multiinstrumentista, o que caracteriza a Abraham Cupeiro é a recuperación de instrumentos perdidos no tempo, e utilizalos para crear novos sons e entretecelos en música allea a eles.
Como instrumentista, destaca por ser unha das poucas persoas que toca o Karnyx (trompeta celta da Idade de Ferro). Tamén é o impulsor dun instrumento ancestral da tradición galega: a corniña. Instrumento que tocaba o seu avó e que aparece nas iluminacións de Afonso X. O seu interese pola organoloxía levouno a construír unha colección de máis de 200 instrumentos de todo o mundo e de diferentes épocas.
Abraham recupera e constrúe diversos instrumentos, e interpreta con eles dende a súa música ata a música actual, e mestúraos con formacións modernas. Desta volta, interpretará o seu proxecto PANGEA acompañado da Banda de Música Municipal de Santiago de Compostela.