Aitana Cuétara

Desde 2013 dirixo a axencia Luneda Producións, dedicada ao management e booking, a produción, a xestión de programacións e o asesoramento artístico. En Luneda xestionamos as carreiras profesionais de varios artistas, ocupándonos da estratexia e a distribución tanto no noso país como a nivel internacional. Como produtora, traballamos regularmente en proxectos de diferentes formatos para outras empresas ou institucións.

Na actualidade son:

– Directora do festival Jazz de Ría, galardoado co Premio Organistrum Extraordinario dos Premios Martín Códax da Música polas súas boas prácticas en material laboral, de sostibilidade e igualdade.

Desde 2017.

– Directora de O que non se escribe, proxecto sobre arquivos sonoros da tradición oral e creación contemporánea. Desde 2021.

– Comisaria das Residencias Artísticas Mariñán Música, da Deputación da Coruña. Desde 2022.

– Asesora artística da Fira Mediterrània de Manresa. Desde 2023.

Tamén na actualidade desenvolvo varios proxectos de investigación e experimentación a partir das músicas tradicionais en Galiza e en Cataluña, participando tamén de xeito habitual como relatora e formadora en foros especializados sobre tradición e creación contemporánea.

Levo dedicada profesionalmente á cultura máis de 20 anos. Antes de consolidar a miña propia marca como Luneda Producións, traballei en diferentes proxectos e para varias empresas do sector, como o selo Falcatruada ou a promotora I-radia Crea, destacando a experiencia como programadora na sala de concertos compostelá Casa das Crechas, onde xestionei durante 6 anos todos os eventos xerados desde alí, tanto dentro como fora da sala. Durante este período formei parte activa da asociación estatal de salas de concertos Acces, coa que levei a cabo dous proxectos europeos sobre música ao vivo e educación para a profesionalización do sector.

Durante o ano 2024, fun titora dos programas de aceleración para proxectos musicais impulsados pola Fundación Paideia (Aceleradora Mans e Son Emerxente). Na tempada 2018-2019 fun colaboradora de música do programa Zigzag Diario da TVG. Nos últimos anos participei como xurado en diferentes certames musicais e formo parte de varias comisións de valoración anuais a nivel estatal.

Vinculada ao asociacionismo cultural desde moi nova, xa a nivel profesional fun directiva da asociación Músicas ao Vivo e impulsora da asociación MUMi – Músicas no Minho, responsábel da organización da primeira feira profesional entre Galiza e Portugal entre 2020 e 2025.

Como música, toco percusión tradicional e gaita desde pequena, e fun mestra de pandeireta en varias escolas e asociacións entre os anos 2001 e 2020.

aitana@luneda.gal · 646 165 044 · Santiago de Compostela