
Aziza Brahim Tabal Quartet
Sáhara Occidental
Aziza Brahim é unha cantante e percusionista saharauí procedente dos campamentos de refuxiados de Tinduf, en Alxeria. É neta da poeta revolucionaria Ljadra Mint Mabruk, quen lle transmitiu o seu amor pola música e a poesía. O exilio e a guerra marcaron desde a infancia o seu compromiso coa cultura saharauí. Viaxou a Cuba para estudar e alí viviu a profunda crise económica coñecida como Período especial.
Ao seu regreso aos campamentos gañou o Premio Nacional á mellor canción e uniuse ao Grupo Nacional Saharauí co que viaxou por Europa. Trasladouse a España a principios dos 2000, fundou a banda Gulili Mankoo coa que publicou o EP O meu canto (2008) e o álbum Mabruk (2012) ambos no selo francés Reaktion, especializado en música do deserto do Sáhara. A partir de aí, colabora con diversos artistas e bandas estatais e internacionais e actúa nos principais festivais e escenarios europeos, incluído o Queen Elizabeth Hall de Londres.
No 2011 participa como actriz na película Wilaya (Wanda Films) do director Pedro Pérez Rosado. Compón e interpreta tamén a música para este filme coa que consegue levar a Biznaga de Prata á mellor banda sonora no Festival de Cinema español de Málaga.
Establecida en Barcelona, emprende o seu proxecto en solitario co seu debut para o prestixioso selo alemán Glitterbeat Records: Soutak (A túa voz), co que consegue manterse durante tres meses seguidos no número uno da lista WMCE (World Music Chart Europe) que, ademais, considerouno álbum do ano. O seu seguinte disco, Abbar o Hamada (A través da Hamada) que tamén contou con Chris Eckman na produción, revalidou o mesmo éxito de crítica.
No 2019, outra vez con Glitterbeat Records, lanza Sahari (Os desertos) un arriscado traballo no que mestura con equilibrio tradición e modernidade, fusionando instrumentos ancestrais con bases electrónicas. Con el conseguiu coroar de novo, durante varios meses seguidos, non só a WMCE senón tamén a lista Transglobal de ritmos do mundo que o considerou, ademais, disco do ano.
Actualmente, presenta o espectáculo Nomadablues, que percorre o seu repertorio orixinal, cancións de resistencia e dignidade, contra o esquecemento e a inxustiza, que parten dunha tradición milenaria do Haul, a música do Sáhara Occidental, para abrazar ritmos de diversa procedencia e buscar unha sonoridade propia en tránsito entre o deserto e os núcleos urbanos de poboación. Para iso, acompáñase dun cuarteto eléctrico, o Aziza Brahim Tabal Quartet: guitarra, baixo, batería e sobre todo, o tabal, instrumento de percusión tradicional interpretado de maneira ancestral polas mulleres na cultura saharauí, en torno ao cal vira o espectáculo.
*Fotografía de Aziza Brahim por Oscar García.