
Dios Ke Te Crew
Galiza
Os Dios Ke Te Crew traen á Maré 22 o seu novo traballo titulado En que ano estamos?! a uns meses de celebrar o 20 aniversario da mítica banda de hip hop galego.
En que ano estamos?! chega trala parada obrigada pola pandemia e vén con 5 novos tracks, a cal máis fresco e contundente. 5 hits cheos de dinamismo lírico e musical coma «OG», o primeiro adianto do álbum e un auténtico crossover feat. Boyanka Kostova que ten acadado xa a categoría de himno galego 2.0.
Este regreso dos Dios Ke Te Crew supón un paso máis aló na rica e extensa carreira musical da banda, co que Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock sacan de novo o mellor de si
mesmos, máis cómodos e en forma ca nunca achegándose a distintos xéneros, pero sempre baixo a batuta do seu inconfundible hip hop. As diferentes texturas vogais e os estilos versátiles dos tres Mc’́s desbordan sobre instrumentais eclécticas nunha perfecta combinación de enxeño, humor, poética e habilidades narrativas.
Neste traballo que agora presentan destaca tamén a colaboración de High Paw no track «A Molar», no que a talentosa singjay de Vigo aporta unha sonoridade vogal diferente coa que a banda acada un resultado irrefreable, moi apegadizo, agre e doce ao mesmo tempo. «Haters», o segundo adiante deste EP, é unha labazada musical chea de sátira e humor na que os Dios Ke Te Crew sorprenden achegándose a sons próximos ao garaxe-pop máis electrónico.