
Guadi Galego
Galiza
Guadi Galego é unha das artistas máis relevantes da escena galega actual, froito dunha andaina musical que comezou sendo moi nova. A súa capacidade para a composición, a versatilidade e a sensibilidade á hora de interpretar, son os seus sinais de identidade. Guadi Galego é unha artista que non deixa de se reinventar manténdose sempre fiel a si mesma.
Figura fundamental para entender a música galega dos últimos 20 anos, o seu novo traballo, Costuras, amósanos a autora tal como é. Con temas que falan dende a súa infancia ata o presente máis duro e esperanzador. O álbum aúna 10 cancións de Guadi Galego e Carlos Abal, e conta coa colaboración de dúas poetas, Antía Otero e Marina Oural, e da cantante catalá Paula Grande.
A produción musical, a cargo de Olivera Estudi, dá un novo aspecto ás creacións de Guadi, entrando en campos electrónicos, sen esquecer a parte máis orgánica, creando texturas únicas dentro do pop. En palabras da propia Guadi Galego, “Costuras son dez panos diferentes que forman un abrigo”.
Guadi Galego poralle o ramo á súa xira Costuras neste Maré 22 cunha actuación moi especial. Será no Teatro Principal e contará coa presenza de amizades artistas. Amais de Paula Grande, acompañarana no escenario a cantautora donostiarra Olatz Salvador, a asturiana Silvia Quesada e o seu paisano Alfredo González, e o galego Álex Ínsua. O espectáculo promete máis sorpresas.