
Peña
Galiza
Logo de publicar un fermoso EP chamado Fórmula o pasado ano, Peña volven agora co seu primeiro traballo de estudio titulado Carreiro. Un debut sorprendente que supón toda unha revelación, xa non en termos de transcender o folkie, senón no que se refire á música contemporánea en galego.
Asumindo a propia dependencia xentilicia como punto de partida, a banda formada por Toño Magariños (diola, Unicornibot), Rubén Abad (Cró!, Trilitrate) e Elena Vázquez (Trilitrate) ten sido capaz de fiar un corpo de cancións exquisito, que casa a sinxeleza coa idiosincrasia e a valentía formal. En Carreiro, a pulsión subconsciente da música popular preséntase de xeito ampliado, harmonicamente desbordante e extraordinario.
Este novo álbum funciona a xeito de novo retorno, de hipnótica chamada ao fogar ulterior: espazo familiar onde se proxectan imaxes da infancia, aínda que nelas atopemos algúns elementos sutilmente recolocados… non todo está onde estaba.
Peña presenta esta tempada o seu LP de debut, Carreiro, en formación clásica (guitarra eléctrica, acústica e violín) xunto a outro repertorio de cancións do seu EP Fórmula e algunhas pezas novas, todas elas arranxadas especificamente para o formato.
Peña foi o proxecto gañador dos Premios Narf da Deputación da Coruña 2021
➤ O concerto de Peña en Maré’22 será de balde.