
Sofía Viola
Arxentina
Sofía Viola é unha compositora prolífica, cantante e actriz arxentina. Medrou no underground de Buenos Aires e deseguido xerou un público fiel de seguidores.
As súas cancións soan en lugares impensados e seguen atravesando fronteiras. Acompañada pola guitarra e o charangón percorreu diversas paisaxes que lle deron inspiración e escenarios que avivan o seu lume.
Cun estilo arrabaleiro, rockeiro, tropical e antigo compuxo máis dun cento de cancións que pasan por numerosos ritmos musicais de raíz latina e jazzeira.
Afín ao seu estilo nómade percorreu o interior da Arxentina e outros países suramericanos como Chile, Uruguai, Bolivia, Perú, Brasil, Colombia e México, para logo saltar o charco presentándose en Europa.
Tocou en festivais como: Pirineos Sur en España; Beloved e Lotus en USA; Calgary Folk e Regina Folk en Canadá ou Psicodalia, Rec Beat e O Mapa de Todos en Brasil.
Sofía Viola está actualmente inmersa na xira de celebración dos seus 15 anos nos escenarios, tras lanzar o seu quinto disco, La de la Luna, un traballo composto por cancións propias cantadas en colaboración con diversos artistas suramericanos.
Ver a Sofía Viola en vivo é sempre sorprendente, co seu humor ácedo que brota naturalmente. Posúe un talento escénico que pon ao servizo da canción de autor cun toque indiefolk en tangos, milongas, cumbias, vallenatos, boleiros ou blues, entre tantos outros ritmos que absorbe e compón. No seu percorrido polo mundo é recibida e adorada por público de todas as idades.
➤ O concerto de Sofía Viola en Maré’22 será de balde.