Bongeziwe Mabandla chega desde Sudáfrica cunha presenza que transcende estilos e etiquetas. Coñecido como o espírito enigmático do African Soul, a súa voz ocupa un lugar cada vez máis central na música africana contemporánea. Cantor en isiXhosa, a súa lingua materna, Mabandla aposta por unha estética radicalmente emocional, que mestura o íntimo co vangardista, o electrónico co ancestral.
O seu traballo sitúase nun territorio único onde a espiritualidade se cruza coa exploración sonora e visual. Dende o cine ata a moda, pasando pola escenografía e a dirección artística, todo en Mabandla fala dunha vontade de construír universos. En amaXesha (2023), o seu último disco, empurra os límites da súa propia identidade artística, cunha proposta audaz que afonda na memoria, na perda e na reconstrución.
A súa participación en Maré representa esa outra África que non se explica, senón que se sente. A que non necesita traducirse para conmover. Mabandla non canta para agradar: canta para deixar marca. Trae consigo unha maneira de habitar a arte como acto total, como lugar de beleza e de risco.