Chévere presenta… Ultranoite na Maré
Galiza
A Ultranoite volve a Compostela cunha única función despois de tantos anos aboiando noutras augas. Volve coma se fose unha creba que a marea deixa entre as pedras. Ninguén a esperaba e aqui está. Chea de salitre. O marco máis axeitado para o regreso da Ultranoite a Compostela é o Festival Maré, recollendo iniciativas como a Ultranoite para reforzar o carácter cultural singular que sempre tivo a nosa cidade e que agora vai sendo engulido pola turistificación. Trátase dunha Ultranoite especial composta por unha escolma de números que só se fixeron unha vez ou que nunca se viron en Compostela.
A Ultranoite é un viveiro flotante de sketches, unha batea teatral con infinidade de cordas somerxidas cheas de números feitos ao longo de trinta anos. Para o Festival Maré a tripulación da Ultranoite sacará á superficie algúns destes números para volvelos degustar co público. Son cancións, vídeos e sketches que só se puideron ver unha vez ou que nunca antes se viron en Compostela. O público que non coñeza a Ultranoite poderá achegarse á historia deste submundo cultural e entender de que lle estamos falando. O público habitual aprezará a oportunidade de volver botar unhas risas con números que nunca soan coñecidos porque foron momentos demasiado fugaces.
En escena estará o equipo habitual dos últimos anos: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Mónica García, Borja Fernández, Arantza Villar, Diego Anido, Xron e os músicos Xacobe Martínez Antelo, Manuel Cebrián e Carlos Freire.
ESGOTADAS / SOLD OUT