Maré, Músicas e Artes atlánticas 2022
Un festival, un océano de experiencias · Santiago de Compostela · Cidade Patrimonio da Humanidade · Música e outras artes de vangarda · Laboratorio de ideas e promoción de novos talentos · Lugar de (re)encontro e celebración da diversidade
O festival Maré, Músicas e Artes atlánticas acada este 2022 a súa maioría de idade cunha nova edición, que se celebrará do 21 ao 25 de setembro en Santiago de Compostela. Fiel ao seu espírito de intercambio cultural entre territorios que comparten lazos lingüísticos, históricos e outros vínculos sentimentais, Maré 22 volve apostar con forza pola diversidade, o feminismo e as novas lingüaxes artísticas con propostas innovadoras e de calidade, moi variadas nos seus estilos e na procedencia dos sons.
O cartel inicial desta XVIII edición inclúe a mítica banda escocesa Capercaillie, que actuará coa Real Filharmonía de Galicia, a artista angolana Pongo, os brasileiros Orquestra Voadora e Chico César, o trío do Rajasthan Barmer Boys, as catalás Maruja Limón, a arxentina Sofía Viola e as galegas Guadi Galego e Antía Muíño.
Co parque de Bonaval como centro neurálxico desta XVIII edición, Maré 22 reservará outras localizacións da cidade, como o Auditorio de Galicia, o Teatro Principal, a Sala Capitol ou a praza da Quintana para a celebración de actuacións puntuais.
Propostas diversas en estilos e sons, de maioría feminina, e procedentes de países como Angola, Brasil, Arxentina, Escocia ou a India.
Desde Escocia, a histórica banda Capercaillie, pioneira do renacemento da canción gaélica, protagonizará un dos grandes concertos desta edición. Con máis dun millón de álbumes vendidos en todo o mundo e a exquisita voz de Karen Matheson no centro desta formación, Capercaillie unirase á Real Filharmonía de Galicia baixo a dirección de Paul Daniel no espectáculo inaugural deste Maré 22.
Cunha gran representación de mulleres artistas, maioría entre os nomes dados a coñecer, en Maré 22 terá lugar tamén o peche da xira Costuras de Guadi Galego. Será cun espectáculo moi especial no que contará coas colaboracións de Paula Grande, Olatz Salvador e Silvia Quesada entre outras voces amigas. Tamén pasará por esta edición a cantautora galega afincada en Donostia Antía Muíño e a súa delicada e sedutora mestura entre a renovada canción de autor, a tradición e o pop, con evocacións que van dende o jazz ata a bossa nova cantada en galego.
Entre os primeiros nomes dados a coñecer nesta edición figura, así mesmo, a angolana Pongo e súa fusión de kuduro, afrobeats, favela funk e afrofunk, que aposta por combinar xéneros e linguas como método para derrubar barreiras culturais. Sadikila, o seu álbum de debut vén cheo de música potente e aditiva para animar calquera festa. Desde o Rajasthan, na India, os Barmer Boys traerán ao festival Maré as tradicións musicais seculares do folk e a música sufí, cunha gran versatilidade de estilos e unha enerxía desbordante en cada actuación, nas que incorporan o beat-boxing e set dj en directo.
Maré busca trazar un mapa común entre territorios, con Galiza como epicentro Atlántico, e ser lugar de encontro e diálogo a través da música e outras artes
A lenda viva da música brasileira, Chico César, recalará neste Maré 22 dentro da xira de presentación do seu novo traballo. Vestido de amor é un disco multicultural con ritmos brasileiros, occidentais, caribeños e africanos que van do forró ao reggae xamaicano, calypso e coco, pasando por un electrizante rock urbano. Tamén dende o Brasil, a Orquestra Voadora, famosa polo seu «bloco» no Carnaval de Río, percorrerá as rúas de Compostela cunha gran festa carioca.
O quinteto feminino residente en Barcelona, Maruja Limón, e a súa música vitalista que oscila entre o flamenco, o pop e os ritmos latinos, tamén estarán neste Maré 22, ao igual que a cantante, compositora e actriz bonaerense Sofía Viola e a súa canción de autor cun toque indiefolk en tangos, milongas, cumbias, vallenatos, boleros ou blues, entre outros ritmos que absorbe e compón.
Con 18 edicións ás costas, Maré tense convertido nunha iniciativa cultural pioneira e exclusiva, tanto en Galiza coma no exterior, mediante unha singular aposta cultural, social e económica que busca potenciar a creación feminina e da mocidade, a experimentación, as novas linguaxes artísticas e a diversidade cultural.
Maré 22 será de novo lugar de encontro de artistas, letristas, músicos, poetas e escritores de procedencias, estilos e tradicións diversas para situar Santiago de Compostela no epicentro da vangarda e a innovación musical e artística.