Fado Bicha
Portugal
Fado Bicha é un proxecto musical e activista creado e desenvolvido por Lila Fadista, na voz e nas letras, e João Caçador, en instrumentos e arranxos. Sobre o escenario, permítense unha exploración sen precedentes dentro do universo do fado, superando as ríxidas barreiras de xénero do fado tradicional e creando narracións para temas que aínda non foron expresados.
O proxecto supón unha intervención, comezando pola representatividade do colectivo LGBTI, que parte das identidades queer de Lila e João, e profundizando a través das temáticas e posturas que adoptan, falando de xénero, colonialismo, racismo, feminismo e os dereitos dos animais, por exemplo. Unha subversión da regra heteronormativa, moi forte no fado tradicional e na sociedade portuguesa en xeral, a través da cal reivindican o dereito a apropiarse dun patrimonio que tamén é seu e a exploralo segundo as súas propias identidades e experiencias, o que no fondo é a base de calquera proceso artístico, sexa visto como subversivo ou non.
Veñen de publicar o seu disco de estrea, «OCUPAÇÃO», producido por Luís Clara Gomes (Moullinex), que figura en varias listas dos mellores discos portugueses do ano, entre eles un # 4 na lista de Blitz. Tamén dende 2022 actúan como trío, coa incorporación de LARIE, un multiinstrumentista queer brasileiro.