Faia

Música de raíz reinterpretada · Galicia

Sábado 26 de setembro · Igrexa da Universidade

FAIA arriba en Maré cun concerto íntimo onde o repertorio tradicional dialoga coa experimentación sonora e se transforma. É unha viaxe, ou un soño: o canto da rola dende o souto de Doncos á penumbra dunha igrexa en Compostela.

Nanas, romances e outras coplas de transmisión oral son levadas a escea xunto con Bleuenn Le Friec na arpa e as Suelen Estar Cuartet nos violíns, violonchelo e contrabaixo.

A experiencia e a memoria familiar entrelázanse coa dimensión colectiva do canto, reivindicando as melodías e cántigas como forma de resistencia feminista na que as mulleres foron, e son, as principais protagonistas.