Francesco Fodarella

Un entusiasta da música —nunca músico—, comezou a escoitar música nos anos 80 e, coma calquera, escoitaba rock e pop comercial. Co tempo descubriu novos xéneros que o fascinaron enormemente, como a música new age, as músicas de todos os recunchos do mundo, a world music, con tódalas súas fusións e cruces. Aquí atopou o seu lugar,  o que o motivou a organizar un evento musical que axiña se converteu nun festival con todas as letras: o Ariano Folk Festival, do que vén sendo director artístico desde hai 30 anos.

Xa desde a segunda edición, a oferta musical baseouse nunha meticulosa investigación de bandas de música étnica nacionais e internacionais, realizada grazas a gravacións e á asistencia a festivais de Europa e do resto do mundo, como o Sziget Festival en Hungría, Etnosur e Pirineos Sur en España, Festival Música do Mundo en Portugal, Festival de Biarritz e Río Loco en Francia, Sfinks en Bélxica, Guča en Serbia, WOMAD, WOMEX, AME en Cabo Verde, Strictly Mundial en Marsella, Babel Med en Marsella, Trans Musicales en Rennes, Festival Maré e moitos outros.

É tamén director artístico do EURO CLUB TOUR ARIANO FOLKFESTIVAL. Exerceu a codirección artística no Dum Dum Republic Paestum (2017, 2018, 2019, 2021, 2022) e a dirección artística de Nomad Live Club (2007, 2008, 2009), Bellavista Club (2014, 2015, 2016, 2017, 2018), o festival cultural TradAriano (2005, 2006), Corazone, Aperiworld, Nomad Bar Tour, Ex Sanacore e Monopolio Lab.

Así mesmo, colaborou con numerosos artistas de recoñecemento nacional e internacional como Roy Paci, Bunna, Amparanoia, Muchachito Bombo Infierno, Chico Ocaña, Caravan Palace, DJ Tagada, DJ Lord Sassafrass, DJ Panko, DJ Scratchy, Natty Bo, Camilo Lara, a axencia Musicalista, entre moitos outros. Tamén exerce como DJ selecta en diversos clubs europeos coa xira Euro-Club Tour AFF.