Gonzalo Constenla

Gonzalo Constenla Bergueiro (A Estrada, 1965) é filólogo, divulgador cultural e catedrático de inglés xubilado, cunha traxectoria profesional estreitamente ligada ao fomento da diversidade lingüística, á cooperación transfronteiriza e á posta en valor do patrimonio cultural e musical do espazo galego-portugués.

Como promotor e director do certame aRi[t]mar galiza e portugal, traballa na difusión da música e a poesía emerxente e consolidada de ambas as dúas beiras do Miño. A través do certame e da votación popular de aRi[t]mar, promove o diálogo interxeracional e a circulación de artistas galegos e portugueses, poñendo en valor a creación musical e poética contemporáneas de raíz e a língua común.

Gonzalo foi tamén o impulsor da Rede da GaliLusofonia, que actualmente preside, unha rede de cooperación e intercambio cultural. A súa visión estratéxica contribúe a tecer pontes sólidas entre a Galiza, Portugal e os países de lingua portuguesa (CPLP), facilitando a mobilidade artística, o traballo en rede e a creación de espazos comúns de desenvolvemento cultural.

No campo da xestión no ámbito educativo e institucional, exerceu durante máis de quince anos como director da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, dende onde ten promovido múltiples iniciativas arredor do plurilingüismo, a internacionalización e a posta en valor da lingua e cultura galegas.

Como investigador e divulgador cultural é autor e coordinador de diversas publicacións, artigos em prensa e ensaios no eido da tradución, a sociolingüística, a lingüística aplicada e a proxección exterior da cultura galega.