MARÉ. MÚSICA E ARTES ATLÁNTICAS

MANIFESTO MARÉ

Maré é unha plataforma de intercambio cultural entre territorios e persoas que compartimos que A CULTURA É UN DEREITO.

Non é só unha programación musical: é unha toma de posición. Unha aposta colectiva por construír dende as artes un espazo de pensamento, coidado e resistencia.
Vivimos nun tempo complexo marcado por múltiples retos que nos atravesan, dende o global ata o local: a crise climática, a crise da vivenda, a precariedade económica, un modelo de turismo agresivo, a desaparición do galego, o abandono das aldeas, o xenocidio en Gaza… Celebrar un festival con sentido crítico e vocación transformadora nun contexto de hipermercantilización da música é tamén unha forma de facer política dende o común, creando un espazo de construción que nos axuda a recoñecer o mundo e a recoñecérmonos nel.
Maré propón un xeito de mirar, de sentir e de habitar, por iso na programación artística todo ten un porqué. Cada artista convida a unha historia, a unha pregunta, quizais representa un reto cultural. Como nos relacionamos coa nosa lingua? Con quen compartimos a rúa? Que futuro queremos habitar? Que memorias queremos atesourar?
A dimensión estética e a dimensión ética espállanse en múltiples lugares emblemáticos de Santiago de Compostela, unha cidade que fala por si mesma. Maré pretende ser unha marea que todo o toca, activando prazas, salas de concertos, facultades, teatros e centros culturais cun posicionamento claro: este é un festival de Galicia para o mundo que tende pontes cara á lusofonía, as diásporas, as culturas indíxenas… Cada edición Maré convida voces de América Latina, artistas africanos, proxectos de raíz que dialogan co contemporáneo, expresións urbanas e aquelas músicas que cruzan froiteras e xéneros. Achegar estas realidades ao circuíto festivaleiro de Galicia e promover o intercambio cultural é un orgullo para a equipa que promove Maré, sempre respaldada pola implicación das artistas, público e promotores que o fan cada ano posible.

Cremos que a arte é poderosa. 

Por iso o festival propón espazos de pensamento, encontros, obradoiros e accións paralelas que outorgan contido e contexto ao que vivimos como público. Trátase de compartir preguntas sobre a liberdade, o papel das comunidades na creación cultural, as posibilidades da arte nun mundo en crise, a tecnoloxía ou a forza simbólica das linguas minorizadas.
Dende 2004 con Cantos da Maré, este proxecto continúa construído con paixón e aprendizaxe constante. Quere festexar a diversidade, que vivimos nun mundo cheo de talento compartido e que a música tradicional configúrase de maneira exitosa como modernidade. Este é un festival para públicos diversos, para todas as idades. Entendemos a accesibilidade non como unha adaptación, senón como un principio central. Tamén é unha iniciativa cultural que mira ao futuro con responsabilidade co compromiso de reducir a súa pegada ecolóxica, fomentar prácticas sostibles e defender o comercio de proximidade.
Maré entende a cultura como un dereito fundamental, non como un luxo nin como un produto de consumo. Isto implica garantir o acceso, a participación e a creación a todas as personas independentemente da súa orixe, lingua, identidade e clase. Os dereitos culturais recoñecen a capacidade de cada comunidade para preservar, desenvolver e compartir a súa propia cultura, ao mesmo tempo que promoven a equidade e a liberdade de expresión.
Con isto por bandeira, Maré pretende ser un espazo para a alegría, na procura constante de camiños que xunten vontades compartidas.

Grazas por formar parte.

24 SET - 28 SET 2025

Santiago de Compostela