FESTIVAL DE ARTES E MÚSICAS ATLÁNTICAS

marala
Fotografía de Marta Mas.

Marala

Catalunya, Illes Balears, Comunitat Valenciana

Marala son a catalá Selma Bruna, a mallorquina Clara Fiol e a valenciana Sandra Monfort. Interésalles a tradición como forza de innovación. As súas cancións beben do presente e tratan de honrar o pasado. Preséntannos un disco contundente e esperanzador baseado nunha investigación sobre a morte na música tradicional.

Para iso, escoitaron bailes de velas do País Valenciano, cantos de morte das Baleares, misas clásicas para os defuntos, os discos de Rodrigo Cuevas, Maria Arnal ou Tarta Relena e moitas outras referencias que impregnaron as súas cancións. Con Pau Vallvé na produción musical e Jordi Casadesús na produción sonora, o disco combina sons sintéticos con outros orgánicos, hai profetas e pandeiretas cadradas, pandeiretas de Pascua, elexías, soan reguetóns feministas e as voces xogan un papel central.

O directo está acompañado dunha coidada posta en escena no ámbito estético. Ademais da música, o vestiario, a escenografía e o tratamento do son e das luces están ao servizo de xerar unha experiencia inmersiva. O concerto de Marala convértese nun espazo seguro no que expiar todo: a irreverencia, a meditación, o chiste macabro, a liturxia. O universo que Marala xerou a partir da morte acaba sendo unha onda de aire fresco que amplía os límites da vida.

CONCERTO GRATUÍTO