Encontro profesional · Galiza

Maré Pro 2026

Os festivais perante unha mudanza de época

Da cultura "pro" á potencia social dos festivais.

Un encadramento partillado

O Maré Pro propón un encontro entre profesionais para partillar proxectos e abrir unha reflexión sobre o papel dos festivais culturais, especialmente os de música, na mudanza de época que estamos a vivir. A perspectiva dos dereitos culturais articula a proposta e conecta o intercambio profesional co debate sobre o valor cultural e a responsabilidade social dos festivais.

O punto de partida é o manifesto do Maré , que entende a cultura como un dereito e o festival como un espazo de intercambio entre persoas e territorios. A partir deste encadramento, propoñemos abordar como os festivais poden ampliar as posibilidades de acceder á cultura, participar nela e contribuír para a súa creación, fortalecendo a súa relación coas comunidades de que fan parte.

Que papel queremos que os festivais desempeñen perante as transformacións sociais, culturais e económicas actuais?

O Maré Pro aspira a iniciar a partir da Galiza unha conversa de alcance internacional que poida continuar en futuras edicións e xerar lazos entre proxectos con inquietudes partilladas.

Tres momentos de encontro

1

Coñecer: Proxectos en conversa

Un primeiro espazo para coñecer os profesionais invitados e os proxectos que impulsan. Partillar os seus contextos de traballo, liñas de programación e intereses permitirá identificar afinidades e posíbeis colaboracións entre os participantes.

2

Imaxinar: Os festivais e a súa dimensión social

Un diálogo aberto por Daniel Granados sobre o valor social que os festivais culturais poden desenvolver dende a perspectiva dos dereitos humanos e, especificamente, dos dereitos culturais. Propónse conversar sobre a súa capacidade para ampliar a participación, dar espazo a expresións diversas e construír lazos co territorio, abordando como traducir estes principios en decisións de programación, organización e relación coa cidadanía.

Esta conversa pretende ser a semente do futuro desenvolvemento de Maré Pro como un espazo que, alén de articular relacións e dinámicas entre profesionais, permita pensar a relación desta profesión co conxunto da sociedade. Un lugar a partir do cal compartir preguntas sobre a responsabilidade dos festivais nesta mudanza de época e explorar formas concretas de a asumir.

Con este horizonte, o Maré coloca a hipótese dunha rede internacional de festivais e microfestivais interesados en ir alén dos modelos de negocio tradicionais para colocar a súa responsabilidade social no centro da súa actividade.

Este primeiro encontro procura abrir esa reflexión partillada e explorar as afinidades que poderían sustentar unha futura rede de intercambio, aprendizaxe e cooperación.

3

Partillar: Encontros profesionais

Un espazo de conversa entre profesionais de Galiza e os convidados a Maré Pro, orientado ao intercambio de experiencias e ao desenvolvemento de colaboracións. Prevese a disponibilización dun correo-e para solicitar encontros previamente e facilitar a súa organización.

O sistema de pedidos e a dinámica final están pendentes de concretización.

Idea central

Maré Pro abre a partir de Galiza unha conversa internacional sobre o papel dos festivais nunha mudanza de época, cos dereitos culturais como encadramento para partillar experiencias e construír novas formas de cooperación.