MAREXADA PERKUTA
A Marexada Perkuta é unha actividade integrada dentro do Maré na que diferentes grupos de música e arte de rúa veñen mostrando o seu traballo dende hai catro anos e nos que as agrupacións de percusión e circo de Santiago de Compostela participan animando ás xentes da cidade e ós seus visitantes a danzar e desfrutar do seu espectáculo e das diferentes actividades que o Maré realiza durante a última semana de setembro, un escaparate da diversidade cultural deste curruncho da Galiza máis alegre e inclusiva.
O sábado 27 terá lugar a cuarta edición da Marexada Perkuta dentro do festival de artes e músicas atlánticas MARÉ, que na súa sexta edición acolle de novo esta galerna percusiva circense que asolagará de novo a cidade vella de Compostela enchendo de ritmo e cor todo o corazón santiagués, outra vez dúas travesías desta flotilla de alegría traerán a festa consigo para contaxiar a quen queira acompañarnos.
Pola mañá navegaremos as rúas do centro da cidade nunha viaxe capitaneada pola numerosa Latexo Escola saíndo da Casa das Crechas para desfrutar e bailar ás 12:00.
Xa pola tarde Trópico de Grelos e Circonove convócanvos a que traiades as vosas pelucas e disfraces para participar desta festa da diversidade cultural atlántica con saída en Mazarelos ás 18:00.