Mármura
electrónica · tradición · poesía urbana · improvisación vocal | Galiza
Mércores 23 de setembro · Sala Capitol
A cantora, improvisadora e escritora Alba María e o pianista, produtor e compositor Nacho Muñoz únense neste experimento, nacido unha cálida noite de agosto na terraza da Gentalha do Pichel, en Compostela. A carón dunha foliada armada con instrumentos tradicionais e trebellos electrónicos xurdiu a maxia da palabra improvisada e o son nómade e orgánico dun sintetizador analóxico.
Esta semente deu paso a Mármura, un espazo aberto de creación arredor da tradición oral, a palabra escrita e as artes do son. Poesía sónica, vinilos vellos, ruidismo, electrónica, piano, cantigas tradicionais e poesía urbana son ingredientes habituais neste espectáculo de forte vocación performática e abondoso espazo para o humor e a interacción co público.