Molimo
Galiza
Chefa Alonso (A Coruña, 1955), improvisadora, compositora e docente, con motivo da presentación do seu libro: Improvisación libre. A composición en movemento (nova edición ampliada. Editorial Cántico, 2023), ofrecerá un concerto co seu trío de improvisación libre Molimo, formación que inclúe a Cova Villegas e María Prado, xunto á artista convidada Marina Oural.
O Molimo, canción da selva, é unha música que cantan os bambuti nos seus rituais. En ocasións, confúndense co son dos grilos, as rás e as aves nocturnas; o seu son fúndese co bosque. É libre e misterioso, ven de lonxe. Viaxa pola selva, aparece e desaparece, sen deixarse nunca aprisionar.
“Na música de Molimo non se escatima a aspereza, o contraste, a dulzura, a forza, a melancolía, a poesía. O que pode lograrse cunha percusión cuidadosa, kechapi, saxo soprano, chelo, máis todas as voces que por aí se expresan, escollidas en vellos almacéns de palabras; a súa amplia gama de espectros” (Teresa Sebastián).
Nesta ocasión, Molimo conta cunha artista convidada: Marina Oural, autora e diretora d’A Mariña, poeta coa que colabora Chefa Alonso dende 2015 en proxectos multidisciplinares e de poesía en concerto.
Integrará, na improvisación a catro, textos da escritora e improvisadora coruñesa, así coma poemas propios e o que dispoña o azar e a maxia do encontro.