Quico Comesaña, membro fundador de Berrogüetto, presenta en Maré o seu primeiro disco en solitario: Mãe, unha obra conceptual que rende homenaxe ao feminino e á natureza a través da música instrumental. Concebida como unha suite en catro movementos, Mãe é un proxecto ambicioso, coidado ao detalle, no que a composición, a interpretación e a posta en escena se entrelazan para construír unha experiencia sensorial e profunda.
O concerto comeza de xeito íntimo, con Quico interpretando á guitarra varias cancións de raíz tradicional galega, arranxadas por el mesmo. A partir dese punto de encontro co esencial, súmanse ao escenario catro músicos que o acompañan para dar vida ás catro pezas que compoñen Mãe, interpretadas de forma continua como unha única obra viva.
En Maré, esta posta en escena será máis ca un concerto: será unha viaxe emocional e estética por un territorio sonoro profundamente conectado coa terra e coa beleza esencial das cousas.