SÉS
Galiza
Unha das artistas de referencia do panorama galego, SÉS, actuará nesta maré en formato trío.
Como clásico xa da escena musical, a prolífera obra de SÉS segue a ter plena presenza despois de 13 anos de actividade e 8 discos, grazas á súa excepcional capacidade artística e ao seu carisma e forza no escenario. A estética ecléctica que a caracteriza, que combina influencias tradicionais propias cos múltiples e diversos estilos dos que se foi nutrindo (canción de autora, folclor latinoamericano, rock&roll…) supedítase á expresividade literaria das cancións. Nas súas letras codifícanse tanto aspectos vitais da artista como reflexións de carácter social e político.
A carga filosófica da súa escritura non é máis que o reflexo dunha personalidade inquieta e de mente brillante que actúa como cronista do seu contexto sen fuxir de evidenciar a cara máis inxusta deste. Se o silencio impera, coa súa potente voz desestabiliza o conformismo e a indolencia xeralizada, algo tan necesario como escaso, que o seu público reclama e avala co seu numeroso apoio e fidelidade. Desta vez, en formato trío, estará acompañada por Sabela Galbán (voz, acordeón, frauta e percusións) e Tito Calviño (guitarra).
O concerto previo á actuación de SÉS será a cargo da cantautora palestina Haya Zaatry.