SUMRRÁ
Con máis de dúas décadas nos escenarios e sete discos ás costas, SUMRRÁ é xa un nome imprescindible do jazz contemporáneo feito en Galicia. O trío compostelán formado por Manuel Gutiérrez (piano), Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo) e LAR Legido (batería) leva 25 anos desenvolvendo unha linguaxe musical única, chea de liberdade, lirismo e forza creativa.
Dende os seus inicios nos anos 2000, SUMRRÁ actuou en países como Bolivia, Francia, Corea do Sur ou Sudáfrica, construíndo un son recoñecible e honesto que desafía etiquetas. O seu último traballo, 7 Visións, é unha suite sonora gravada en directo que percorre grandes temas universais a través da improvisación, o humor e a poesía instrumental.
Considerado un dos tríos máis sólidos da escena estatal, SUMRRÁ combina virtuosismo e risco cunha complicidade sobre o escenario que se transmite en cada directo. En Maré celebran 25 anos de música sen concesións, reivindicando o jazz como espazo de encontro, pensamento e emoción colectiva.