TRINKA
Trinka é un trío afro-brasileiro contemporáneo que desprende unha enerxía vitalista e orgánica, cunha proposta que mestura tradición e modernidade dende o corazón da lusofonía. Formado pola vocalista brasileira Dandara Modesto, o guitarrista e produtor portugués João Pires (Coladera) e o percusionista brasileiro Juninho Ibituruna (Graveola, Tizumba), o grupo nace en Lisboa como porto de encontro entre continentes, ritmos e espiritualidade.
Na súa estrea discográfica, un EP de seis temas que verá a luz en xaneiro de 2025, Trinka ofrece un son cálido e luminoso, con letras orixinais de voces da lusofonía como José Eduardo Agualusa (Angola). A súa música bebe das raíces afrobrasileiras, mais incorpora sintetizadores, guitarra e percusión nunha fusión sutil e poderosa, na que o Candomblé —práctica espiritual de Dandara— tamén está presente como forza guía.
Co-producido por Stefan Merse Ulrich (Jazzanova), o proxecto está impregnado dun pulso ancestral que conecta Lisboa co Brasil negro, as tradicións orais coas novas estéticas e o corpo co espírito. En Maré, Trinka achéganos unha experiencia sonora e sensorial onde a palabra, o ritmo e a memoria resoan como celebración.