Maré, Músicas e Artes atlánticas 2022
Un festival, un océano de experiencias · Santiago de Compostela · Cidade Patrimonio da Humanidade · Música e outras artes de vangarda · Laboratorio de ideas e promoción de novos talentos · Lugar de (re)encontro e celebración da diversidade
Maré, músicas e artes atlánticas celebra este 2022 a súa terceira edición en Santiago de Compostela, a primeira trala pandemia. Do 21 ao 25 de setembro, en pleno equinoccio de outono, o outrora Cantos na maré volverá celebrarse en distintas localizacións da capital galega coma o Teatro Principal, o Auditorio de Galicia, a Sala Capitol, a Praza da Quintana e outros emprazamentos do patrimonio monumental, clubes e o parque de San Domingos de Bonaval, epicentro do festival no que estará situado o escenario Xacobeo.
Maré 22 busca emocionar, descubrir, crear e informar, destacando a importancia e o potencial dunha sociedade multicultural
Maré, Músicas e Artes atlánticas segue este 2022 a apostar pola creación feminina e da mocidade, a experimentación, as novas linguaxes artísticas e a diversidade cultural poñendo o foco naqueles territorios cos que Galiza comparte lazos lingüísticos, históricos e outros sentimentais das dúas beiras do Atlántico. Ademais dunha ampla representación galega, o cartel inclúe artistas procedentes doutras comunidades do Estado, como Catalunya, Asturias ou Euskadi, e doutros países e territorios como Angola, Brasil, Portugal, o Rajastán na india, os balcáns, Arxentina, Francia, o Sáhara Occidental, Guiné-Bissau ou Escocia.
A edición 2022 do festival Maré acollerá dúas estreas europeas, a da nova xira de Chico César, que presenta na Sala Capitol o seu décimo disco, Vestido de amor, e a da brass band carioca que revolucionou o concepto de fanfarrias no Brasil, a Orquestra Voadora, que converterá as rúas da cidade nunha festa de carnaval. O festival tamén inclúe unha estrea en España, a da mítica banda de música gaélica Capercaillie que traerá a Galicia o único espectáculo que ofreceu coa BBC Scottish Symphinc Orquestra, agora acompañados pola Real Filharmonía de Galicia. Será no espectáculo inaugural no Auditorio de Galicia, baixo a dirección de Paul Daniel e con novas orquestracións que o converten nun concerto único.
Os distintos escenarios do festival Maré, acollerán a multiciplidade de voces dun mundo comprometido e reivindicativo, especialmente entre as mulleres. Maré 22 quere amosar a forza de voces femininas como a da angolana Pongo, a saharauí Aziza Brahim, a brasileira Dandara Manoela ou a arxentina Sofía Viola. Tamén a das galegas A Pedreira, que pechará o festival co seu primeiro disco en solitario Segmento cantábrico, Guadi Galego coa fin de xira de Costuras, e outras artistas emerxentes como Antía Muíño ou Catuxa Salom.
Maré 22 acollerá dúas premieres europeas, a da nova xira de Chico César e a da Orquestra Voadora, ademais da estrea da Capercaillie Shymphonic & Real Filharmonía de Galicia
Crisol de xéneros musicais e culturas que comparten, no festival maré 22 sonarán melodías pop, soul, blues, música electrónica, experimental, rap, dub, kuduro, ritmos bulu e bikutsi, gqom, batida, amapiano, afrobeats, semba, kizomba ou folk e outras músicas de raíz escritas y cantadas en diferentes linguas, do galego ao portugués pasando polo rajasthani, o kimbundu, o catalán, éuscaro, escocés, asturiano, inglés, francés, árabe ou español. O domingo 25 o festival Maré volverá celebrar o Día Europeo das Linguas, cunha xornada festiva e música de balde nas rúas de Santiago coa colaboración de Política Lingüística.
Ademais da promoción do talento, Maré 22 mantén como obxectivos principais a interculturalidade e a tolerancia, que se traducen na procura da emoción, o descubrimento, a creación e a información, destacando a importancia e o potencial dunha sociedade multicultural. As tradicións centenarias dos manganhiars do Rajasthan, da man dos Barmer Boys ou Fogo Fogo, a banda que está a converter o funaná de Cabo Verde nun ritmo das pistas de baile en Portugal e no ámbito lusófono, son outras das propostas desta edición.
Sonará tamén en directo á fusión que o francés James BKS, fillo de Mando Dibango, realiza da tradición musical con ritmos electrónicos que se atopan no continente africano. Tampouco faltarán o caldo, os grelos e o pulpo á feira da man dos Malandrómeda, que volven aos escenarios e avanzan novo traballo, ou da mítica banda de hip hop de Ordes Dios Ke Te Crew, que vén de sacar novo EP e contará coa colaboración de, entre outros, Boyanka Kostova para entonar O.G., considerado xa o novo himno galego.
En total, maré 22 sumará máis de 30 actuacións, nas que os dereitos civís antirracistas e LGTB+, a diversidade funcional, o feminismo, o indixenismo, a igualdade entre pobos e linguas ou contra o despoboamento rural volverán ser bandeira xunto ao gran desafío do cambio climático e a persecución da sostibilidade ambiental, en consonancia cos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) formulados na estratexia de Festivais e Axenda 2030.
O festival Maré 22 conta co patrocinio do Xacobeo 21·22 e está incluído dentro do programa dos concertosdoxacobeo.gal. É posible tamén grazas ao apoio do Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, o INAEM, Acción Cultural española e Estrella Galicia.